Reproduzimos a entrevista no "Adiante" à porta-voz nacional de Causa Galiza, Cristina Rodrigues

Reproduzimos a continuaçom na íntegra, e na normativa original, a entrevista à porta-voz nacional de Causa Galiza, Cristina Rodrigues, que o Adiante publicou no passado 3 de dezembro:

“O noso pobo funciona desa maneira, con momentos de calma e momentos de golpes cara adiante. Estamos nun momento de cambio”, advirte Cris Rodrigues, portavoz de Causa Galiza, organización pendente dun proceso xudicial no que o Estado reclama a súa ilegalización e nove dos seus militantes están ameazados con penas de cadea. Mentres, a labor da toupa continúa. “Estoupará todo e ninguén saberá explicar ben que é o que pasou. Foi a toupa”, explica Rodrigues: “a nosa non é unha sociedade como a catalá, por exemplo, que vai resolvendo as contradicións por vías máis pacíficas; aquí as cousas móvense doutro xeito, ás veces o estoupido é un estrondo”.

Que lectura fai Causa Galiza do proceso que se segue na Audiencia Nacional contra o independentismo galego e que ameaza con ilegalizar a súa organización?

Este xuízo é unha farsa xudicial nun tribunal anacrónico. É un intento por parte do Estado español de criminalizar unha idea política, a que nós defendemos e que ten un potencial que o Estado teme. Ao mesmo tempo, é un intento de criminalizar a solidariedade cas presas e cos presos políticos.

Cal é ese potencial que teme o Estado?

É un potencial transformador que se dá nun momento de crise institucional do Estado español que parece camiñar cara unha segunda transición, e en medio desta crise proxectos emancipadores poden gañar simpatías e adhesións. A represión é a resposta esa crise institucional que padece o Estado. No chamado sistema-mundo, historicamente os momentos de crise, etapas de cambio de hexemonía, ofrecen as oportunidades para as independencias das nacións. Hoxe en día son os independentismos a única posibilidade real de ruptura co réxime do 78. Non existe unha esquerda española con esa potencialidade.

Xa non a ten Podemos?

Unidas Podemos acabou por constituírse nun partido que cumpre o papel que cumpriu o Partido Comunista de Santiago Carrillo durante a primeira transición. Fai parte das forzas de recomposición do réxime. Esa é a posición histórica da esquerda española.

Di vostede que Podemos é igual o PCE de Carrillo. Pola parte dos independentismos, e do galego en particular, mudou algo respecto do daquela etapa?

Penso que son independentismos moito máis clarificados, máis constituídos e cun maior apoio social. O que acontece en Catalunya está aí. Na Galiza, nunca antes o soberanismo institucionalista tivo tanto apoio como nas últimas eleccións nin nunca tan independentista se declarou. Mais veremos como xoga a pandemia e como se vai utilizar como escusa para disciplinar á poboación. O contexto é favorábel o independentismo e as crises hai que aproveitalas. Porque parece que a crise sanitaria na que estamos e a crise económica que vén agudizarán as contradicións e iso hai que saber aproveitalo, e máis neste país, cun sindicalismo nacionalista forte, para avanzar cara a independencia.

Cales deben ser, na súa opinión, as claves dese avance?

Hai que avanzar no control da nosa economía para que poidamos mellorar as condicións de vida da poboación. Para min esa ten que ser a clave, e non tanto a identitaria ou a nacionalista, que son máis propias do século XIX, non? É o que, penso, se está a facer en Catalunya ou no novo soberanismo vasco, que asentan nunhas bases de ruptura republicana. É a única posibilidade de ruptura real; o resto, como a esquerda española, son subterfuxios para acabar chegando o mesmo sitio, ao mesmo punto de dependencia, avances formais pero non reais.

Por aclarar algunhas das cuestións sobre as que a acusación no xuízo de outubro na Audiencia Nacional intentou crear dúbidas. É Causa Galiza un partido político?

Somos unha organización política. A día de hoxe non temos ese status porque hai que realizar trámites administrativos e son precisos uns recursos económicos que aínda non temos. Mais ese é o noso proxecto.

É legal?

É legal.

Desde cando?

Desde o 2007.

Son públicos os seus fins?

Son. É certo que tanto o fiscal como os peritos insistiron nesa idea de opacidade, escurantismo… mais todos os nosos actos, manifestos e comunicados poden consultarse na páxina web ou a través das redes sociais. Coma calquera organización.

Cales son?

Pois socializar un proxecto para avanzar cara a independencia do noso país, porque pensamos que ter o control dos nosos recursos e gobernarnos por nós mesmas traerá un maior benestar social.

Ten Causa Galiza portavoces públicos?

Témolos e facemos declaracións en nome da organización, como nesta entrevista.

Comunica os seus actos públicos, son actos legais?

Sempre. E máis sabendo a persecución que hai sobre o independentismo. Sempre nos coidamos moito de cumprir todos os trámites legais.

Mantén relacións con outras formacións políticas galegas?

Si. Acreditamos que é necesario tecer redes entre posicións que temos fins en común. E mesmo con outras organizacións que distan dos nosos fins pero coas que coincidimos en determinados problemas.

E do Estado?

Mantemos relacións si. E chegaron apoios desde outras partes do Estado e desde fóra do Estado na campaña a prol da absolución dos independentistas galegos que están sendo xulgados.

Cal é a posición de Causa Galiza a respecto da violencia política?

Houbo un cambio de ciclo a respecto dese tipo de actividade porque nin dá réditos nin se dan as condicións para que iso pase. Non nos identificamos con ese tipo de accións. A nosa posición ao respecto das accións violentas é clara. Somos unha organización política que utiliza os marcos políticos para avanzar no noso proxecto.

Hai terrorismo na Galiza?

Eu penso que o único terrorismo que hai é o que sufrimos as clases populares que nos vemos ameazadas constantemente coa perda do traballo, das nosas vivendas, con non poder chegar a fin de mes, ou as mulleres que son vítimas de violencia… terrorismo institucional, en todo caso. E non hai conciencia na sociedade galega que exista terrorismo ningún que veña doutro lado.

Falou antes desa campaña a prol da absolución, que segue en marcha. Como valora Causa Galiza os resultados desa campaña?

Está sendo a campaña máis ampla das que se fixeron en apoio a independentistas galegos que foron levados a xuízos. Pensamos que a aberración é tan grande que era difícil mirar para outro lado e a sociedade galega, a través de representantes políticos, sindicais, xente da cultura e intelectuais, reaccionou. Cando o ataque contra os dereitos civís e políticos é tan directo, a resposta é máis contundente. E a resposta é importante ademais para que no futuro dubiden se levar adiante operacións deste estilo.

Como foi a intensidade da contra campaña a través dos grandes medios de comunicación do país?

A nosa valoración desa campaña é negativa, por suposto. Comportáronse coma panfletos do réxime, como sempre. Lembrarei que o mesmo día que comezaba o xuízo en Madrid, apareceu unha información de que toparan un arsenal de armas en Portugal… e resulta que o achado era do ano pasado e estiveron esperando para facelo público. Intoxicación, coma sempre. De cando en cando, os medios envelenan o ambiente para xustificar a persecución dun proxecto político.

Os medios seguen a vincular o independentismo co terrorismo. Como se combate iso?

O poder dos medios é enorme. O Estado conta con todos eses recursos para deturpar a realidade e conseguir que esa idea prenda. Como se combate? Penso que a estratexia pasa por re-apropiarnos de termos que cada día está máis claro que non encaixan co que propón ese réxime do 78. Termos como democracia ou o valor do público diante do privado. Así, o independentismo empeza a verse como a alternativa a un réxime en clara crise institucional.

Que suporía unha nova ilegalización?

Esperamos a sentenza para os próximos días e pode ser dura. Contemplamos todos os escenarios posíbeis. Non temos medo. Se nos ilegalizan esta, pois formaremos outra organización; porque o proxecto está aí. Todas estas montaxes o que provocan é unha resposta máis decidida desde a sociedade. Sentímonos máis fortes que nunca.

Están seguindo os procesos de reorganización noutros espazos? Como vén a proposta que se lanza desde o Movemento Galego ao Socialismo?

Antes de nada teño que dicir que a covid afectou este proceso e o noso propio proceso, coñecido como Trevinca. O MGS decidiu tirar para adiante e están facendo convocatorias con moito esforzo. Pola nosa banda, a decisión foi parar para non sufrir unha represión maior coa escusa da covid. A intención do Movemento de constituír un polo independentista forte dentro do BNG parécenos moi positiva. É interesante que haxa unha tendencia claramente de ruptura dentro do Bloque, e se enxergamos isto dentro do movemento de liberación nacional o contrapunto a un independentismo organizado nunha forza institucionalista como é o Bloque debe ser un independentismo a parte das lóxicas electorais e que estea nas lóxicas de confronto e de construción alternativa. Algo que fuxa da oficialidade e nese espazo é no que pensamos o proceso Trevinca.

Tamén desde posicións nacionalista volve poñerse en marcha Vía Galega. Que consideración lle merece a Causa Galiza?

Pois tamén facemos unha valoración positiva do que pensamos que vai na mesma liña de consolidar ese polo independentista dentro do institucionalismo. Todo o que supoña sumar forzas cara a independencia é positivo.

Está ou no está a cuestión da independencia dentro da axenda da gran forza parlamentaria do nacionalismo galego?

O BNG é a segunda forza do país dentro das institucións, polo tanto, ten un papel relevante. E está poñendo enriba da mesa cuestións que estaban un pouco esquecidas. Consideramos que está xogando unha función moi necesaria.

Que está supoñendo para o activismo en xeral e para as accións de reivindicación independentistas no contexto da covid?

Estanse utilizando as restricións como unha forma de secuestro da sociedade civil. A nivel mundial asistimos a un incremento do control das poboacións por parte do sistema para frear accións de resposta á crise que xa se sabía que ía chegar, e sabíase moito antes de que aparecese a covid. Mais hai lugares nos que, malia a represión, as protestas populares son imparábeis. Vémolo en países de Latinoamérica, con respostas máis virulentas que antes. No contexto europeo, aínda que o adormecemento social é maior, non creo que tardemos moito en espertar. Quizás a crise económica que imos sufrir na Galiza orixine respostas máis contundentes e tamén unha clarificación da poboación moi forte. Veremos canto lle dura a Feixoo a súa mentira da súa xestión. Estamos nun momento de cambio que pode dar lugar a respostas masivas como xa pasou antes. E como a imaxe da toupa da que falaba Marx, que vai furando por debaixo da terra e un día vén toda a terra abaixo.