Stop 'Vuelta a España'! Galiza Nación. Autoderminación

A Iniciativa Popular pola Autoderminación Causa Galiza e a organización popular pola oficialidade das seleccións deportivas nacionais Siareir@s Galeg@s unimos as nosas forzas e as nosas voces ante a inminente chegada á Galiza da 'Vuelta a España' para transmitir á sociedade galega as seguintes cuestións:

Queremos denunciar a presencia da 'Vuelta a España 2011' no noso País. Hoxe, por moito que se empeñen as autoridades políticas e deportivas estatais, por moito que nos neguen, Galiza é unha nación. Unha nación que non se resigna a ser unha 'región española' e que reivindica a súa plenitude como país. O seu direito a ser e a decidir. Neste sentido, queremos transmitir á sociedade que consideramos a presencia desta importante proba ciclista española no noso territorio como ofensiva para a nosa condición nacional, as nosas reivindicacións como pobo e a nosa vontade de ser unha nación soberana.

2º A presencia da 'Vuelta a España 2011' na Galiza prodúcese cando o Goberno español (PSOE) imposibilita que os deportistas galegos e galegas compitamos libremente con seleccións propias a  nivel internacional representando o noso País. Aliás, a actual administración autonómica que preside Alberto Núñez Feijoo (PP) practica unha belixerancia sistemática contra o deporte galego de base e as nosas seleccións. Os últimos episodios desta obsesión materializáronse na eliminacións das axudas económicas para encontros internacionais de fútbol con participación galega e na supresión da equipa galega de ciclismo profesional Xacobeo Galicia. Así, tanto PSOE como PP boicotean a posibilidade de que Galiza participe en condicións de igualdade con outros pobos nas competicións deportivas internacionais.

3º Neste contexto en que a Galiza é negada antidemocraticamente como nación e suxeito de dereitos políticos e en que, como froito desta negación, os deportistas galegos e galegas non podemos competir con seleccións propias, a presencia da 'Vuelta a España 2011' no noso territorio é interpretada por nós como imposición e tentativa de humillación. É por estas razóns que nas etapas dos días 31 de Agosto e 1 e 2 de Setembro animamos á sociedade galega a denegar a benvida á 'Vuelta' e a respostar con forza, imaxinación e creatividade a presencia desta proba deportiva que non ten sitio no noso País. Isto non é España.

Facemos extensivo este chamamento a sumar esforzos e mobilizarse contra a 'Vuelta a España 2011' a todas as organizacións sociais, sindicais e políticas nacionalistas e independentistas, á cidadanía que se sinte galega de nación, á militancia galega, para que nestas tres etapas se visibilice para a Galiza e para o mundo que somos un pobo vivo, que non somos España e que estamos dispostos e dispostas a reivindicarmos o que nos corresponde: sermos donos e donas do noso destino, decidir libremente o noso futuro, superar o actual esquema de negación e imposición e representarnos por nós propios sen intermediarios impostos.

Galiza, en 28 de Agosto de 2011