Causa Galiza inicia un debate interno para resituar a iniciativa no novo tempo político
O momento político, social e económico que vive o país remata o ciclo iniciado na Transición e abre un novo ciclo histórico. Sintomas notorios son o esgotamento –que non superación- do estatutismo e o inicio de procesos de recentralización; a profunda crise política, económica e social, que é hoxe o nó gordiano da loita política e sindical; a deslexitimación crecente do modelo estatal nascido da Transición e a batería de agresións lanzadas contra a sociedade galega, utilizando a crise como coartada para mutar de modo regresivo o modelo social.
Causa Galiza debe readecuar discurso e liña de intervención neste marco en transformación acelerada. A reflexión estaba iniciada coa constatación do último Plenario Nacional de que a estratexia consistente en “socializar a necesidade do dereito de autodeterminación” a través da actividade comarcal e as mobilizacións nacionais periódicas, que implementamos desde 2007, tocara teito. Concluimos que dificilmente se podía pretender esta socialización cunha praxe tan constranxida. Ademáis, os límites desta estratexia para acumular forzas e aparecer como politicamente útil para a base social nacionalista fixéranse notorios.
Por outra parte, os movementos acontecidos recentemente no campo nacionalista como resultado destas mudanzas indican que se está a producir unha profunda recomposición deste espazo sociopolítico que, a pesar de ter aínda uns resultados finais incertos e suxeitos a múltiplas variábeis, apunta a unha remodelación do mapa político nacional. Necesariamente, a rede de soberanistas e independentistas debe incidir efectivamente neste momento de mudanzas e reorientacións.
Debate e decisións tácticas
Causa Galiza abre agora un proceso de debate comarcal que rematará no Plenario Nacional a celebrar o 25 de marzo. Resumidamente, este proceso que axiña se iniciará na rede nacional de soberanistas e independentistas procura actualizar a foto da situación que vive o país e o campo nacionalista e redefinir o modelo organizativo e a estratexia de intervención adecuados á nova situación para sermos unha ferramenta útil no avanzo cara a soberanía política e económica.
Os textos presentados a debate nas asembleas locais e comarcais –Análise de conxuntura, Tese política e Tese organizativa- porán a punto a ferramenta política criada en 2007, abrindo un novo nivel para a acumulación de forzas, o avance da loita pola soberanía económica e política do noso país e o fortalecemento organizativo e territorial da Causa Galiza. O debate estará aberto a tod@s @s soberanistas e independentistas publicándose os textos para o coñecemento público.





